Para ser alumno ou alumna hoxe

Se ben é certo que non existe ningún "alumno perfecto", pois todos temos os nosos defectos, a verdade é que si hai algunhas calidades que os estudantes debemos potenciar se queremos aproveitar ao máximo o tempo que pasamos nas aulas. Tendo isto en conta, a miña receita para ser alumno ou alumna hoxe en día é a seguinte:

Ingredientes

- 500 g de ilusión
- 1/4 de l de participación
- 250 g de organización
- 1 vaso de capacidade de traballar en equipo
- 400 g de tesón 
- 1/2 l de respecto
- 1 kg de confianza nun mesmo 
- 1 l de comunicación


Elaboración

A preparación da receita é moi doada. De forma semellante á maioría das receitas de repostería, que están conformadas por ingredientes secos e húmidos, esta tamén consta de dous tipos de ingredientes: os relacionados coas habilidades intrapersoais (dirixidas a un mesmo) e os que teñen que ver con destrezas interpersoais (dirixidas cara os demais). 

O primeiro paso é mesturar nun recipiente todos os ingredientes intrapersoais. Para comezar, temos a ilusión. Se sodes vexetarianos ou veganos, podedes substituíla por motivación. Ambos ingredientes son válidos, pois cumpren o mesmo obxectivo: potenciar as ganas de aprender e a curiosidade dos estudantes; algo que é esencial. A continuación, a organización, que nos vai axudar a ser capaces de elaborar unha boa rutina de estudo para levar todas as cousas ao día; sen renunciar ao tempo libre, que é moi necesario na vida dos adolescentes. O terceiro ingrediente intrapersoal é o tesón. Os alumnos teñen que ser perseverantes e constantes para así conseguir as súas metas. Este ingrediente serve para que os estudantes non se rendan e cumpran todos os seus propósitos. Por último, pero non por iso menos importante, está a confianza nun mesmo. En palabras de Ralph Waldo Emerson, "a confianza nun mesmo é o primeiro chanzo para ascender pola escaleira do éxito". Como consello, é recomendable cribar os ingredientes antes de mesturalos; para así eliminar todas as impurezas que poidan conter.

Unha vez feito isto, repetimos o proceso cos ingredientes interpersoais. O primeiro deles é a participación. A importancia deste ingrediente radica en que supón unha mostra do interese do alumno e tamén serve para facerlle saber ao profesor se a explicación está sendo comprendida ou non. Ademais, o intercambio de ideas entre os distintos estudantes dunha clase é algo que pode chegar a resultar moi enriquecedor. Seguidamente, a capacidade de traballar en equipo. A colaboración entre os distintos alumnos reporta numerosos beneficios, pois hai unha posta en común dos coñecementos e as capacidades de cada un deles. De seguido, o terceiro dos ingredientes interpersoais é o respecto. Como di Goethe, "ser brillante non é unha gran fazaña se non respectas nada". Finalmente, temos a comunicación. É fundamental para un alumno saber expresar as súas ideas de forma correcta.

Unha vez os ingredientes intrapersoais e interpersoais foron mesturados por separado, procedemos a xuntalos nun único recipiente. Isto hai que facelo lentamente e por partes, sen botar todo de golpe, para que así os ingredientes poidan incorporarse de forma adecuada. 

Finalmente, metemos a nosa masa no forno a 180 º durante 50 minutos. Pasado o tempo, sacamos do forno e deixamos repousar. Tras uns minutos, a nosa receita estará lista!


Opcional

Hai dous ingredientes que, pese a non ser obrigatorios, podemos incluír na nosa receita para mellorala. O primeiro deles son dous vasos de mente aberta. Nun mundo como o actual, a mente aberta é esencial para incorporar ideas que de primeiras nos son alleas. O segundo ingrediente son 350 g de coñecementos informáticos. Nos tempos que corren, e na situación actual de confinamento, é crucial saber manexar un ordenador e as súas aplicacións. 




Referencias

Para saber máis dos dous autores citados no post: Ralph Waldo Emerson e Goethe.

Comentarios