A Metamorfose de Franz Kafka

Se vos digo que hai unha novela na que un home se transforma nun insecto semellante a unha cascuda ou un escaravello, seguro que todos sabedes de que obra estou falando. Efectivamente, trátase d'A Metamorfose de Franz Kafka; libro do que vou falar nesta entrada. 

Non obstante, antes de adentrarnos neste universo creado por Kafka, cómpre coñecer algúns datos sobre a vida deste autor. Franz Kafka nace o 3 de xullo de 1883 en Praga. Por tanto, viviu durante a primeira metade do século XX; unha das etapas máis duras da historia (marcada por un gran número de cambios, producidos a unha gran velocidade, que afectaron a todos os ámbitos). Neste período destacan acontecementos tan importantes como: a Primeira Guerra Mundial, o crack do 29 (e a posterior crise económica) ou o ascenso dos totalitarismos. Ademais, é unha época na que hai un forte antisemitismo (o que afectou directamente a Kafka, que proviña dunha familia xudía).

En canto á literatura da época de Kafka, destaca o movemento do expresionismo; do que ademais Kafka foi un dos principais expoñentes (para coñecer as demais vangardas, aconsello visitar a seguinte ligazón). Algúns dos aspectos desta corrente que podemos apreciar na obra de Kafka son: as obras non representan unha realidade obxectiva (senón o sentimento interior do propio autor), a desesperación é un elemento clave das historias que se contan, os personaxes adoitan presentar crises ideolóxicas e psicolóxicas, hai unha apoloxía do feo (que se manifesta a través do gusto polo escuro, o negativo, o catastrófico ou o caótico)...

Dentro da obra de Franz Kafka, o xénero predominante é claramente o narrativo. Salientan obras como: O castelo (cuxo protagonista loita por acceder ás autoridades dun castelo que gobernan o pobo de forma inxusta), O proceso (protagonizada por Josef K, que se ve involucrado nun proceso xudicial por un delito que descoñece), Na colonia penitenciaria (fala dun instrumento de tortura e execución que esculpe a sentencia do condenado na súa pel) ou Un artista da fame (narra a historia dun artista de circo que morre de fame nunha gaiola). Máis alá das novelas, é moi importante a súa obra Carta ao pai. O pai de Kafka non se caracterizaba precisamente por ser unha persoa liberal ou tolerante; senón máis ben todo o contrario (era alguén moi autoritario e intransixente). Así, Kafka escribe esta carta na que o criticaba pola súa actitude e conduta emocionalmente abusiva e hipócrita cara a el durante toda a súa vida.

Se queredes saber máis sobre a vida e obra de Kafka, esta páxina contén moita información moi interesante.

Unha vez temos unha imaxe xeral, podemos centrarnos na obra máis célebre de Franz Kafka (así como unha das máis coñecidas da literatura universal): A Metamorfose. Esta novela segue a figura de Gregor Samsa, que se ergue unha mañá para descubrir que se transformou nun insecto. A maior parte dos personaxes son membros da familia de Gregor (o seu pai, a súa nai e a súa irmá Grete). Tamén están o xerente e o xefe de Gregor, dúas criadas (unha ao principio e outra ao final) e tres hóspedes aos que a familia Samsa lles aluga unha habitación para gañar cartos. En canto ao narrador, este é omnisciente e en terceira persoa; se ben é certo que en moitas ocasións aparecen reflectidos os pensamentos de Gregor de xeito literal. O tempo histórico é o mesmo que lle tocou vivir a Kafka; e sobre o tempo interno sabemos que a duración é duns tres ou catro meses (dende o fin do outono ao comezo da primavera). Para rematar, os espazos son pechados, dando así unha sensación de illamento e soidade.

Para unha análise máis completa de distintos aspectos da obra, podedes entrar nesta web. Aínda que está en castelán, tamén recomendo o seguinte vídeo no que se fai un resumo da obra mediante debuxos.




Na miña opinión, hai tres elementos a destacar desta obra. O primeiro é o seu estilo. Este destaca por ser sinxelo e preciso, sen alardes estilísticos. Ademais, hai unha abundancia de verbos e unha falta de adxectivos; o que dota á lectura dun gran dinamismo. Tamén me sorprendeu moito a simboloxía desta obra. Elementos que de primeiras poden parecer totalmente cotiáns e sen importancia, teñen realmente un significado oculto de moita relevancia (como a mazá que representa o rexeitamento do pai de Gregor polo seu propio fillo). Outro exemplo disto que me resulta moi interesante é o tempo atmosférico. Dende o comezo da obra, no que Gregor xa está transformado, os fenómenos atmosféricos dos que se falan son néboa ou mesmo choiva (que representan a angustia interior dos personaxes). Non obstante, cando remata a obra e Gregor morre; aínda que isto sexa algo aparentemente negativo, realmente supón unha liberación tanto para el mesmo como para a súa familia (aos que a situación non lles trouxera outra cousa máis que sufrimento). É nese momento, no que Gregor xa está morto e a familia se atopa nun tranvía de camiño a un novo futuro, cando temos por primeira vez unha referencia ao bo tempo (fálase dun raio de sol que inunda o vagón). Finalmente, quero mencionar a crítica social que hai detrás desta historia. Mediante os acontecementos que lle ocorren a un home tras converterse en insecto, Kafka está intentando deixar en evidencia a unha sociedade na que se despreza a todo aquilo que se escapa do establecido e do que se considera "normal".


Para concluír, nada mellor que unha cita desta novela: "Comeza dunha vez a ser quen es, en vez de calcular quen serás".

Comentarios